Roteiro polos lavadoiros de Coia


Coa colaboración de moita xente o vindeiro Xoves 28 a partir das 18:00 h faremos unha nova edición do Roteiro por Coia aberta á veciñanza. En cada parada falaremos dun tema relacionado coa historia do barrio e os seus habitantes, ademais de ter actuacións musicais. Agardamos que veñades ou cando menos que axudedes a difundir a información. Máis info do roteiro na wiki: roteiroporcoia.wikispaces.com


A auga, o xabrón, a roupa, a cháchara… As risas, as chanzas, as angustias, os segredos…. Os lavadoiros, un espazo de encontro das mulleres.

Nunha sociedade cuxas relacións estaban segregadas en razón do xénero, o rol do home no exterior da casa, na fábrica ou na taberna, dono dos espazos de poder, mentres que o papel da muller ficaba no interior do fogar, responsable dos coidados da familia.

Nunha sociedade case que preindustrial, como podería ser a Coia de hai uns 70 ou 80 anos, as lavadoras eran máquinas de luxo ao que poucas familias poderían aspirar. A alternativa: o lavadoiro de pedra, que se converte así nun espazo de encontro da muller.

O xoves 28 de maio, ás 18:00 horas, partindo do IES Alexandre Bóveda, visitaremos algúns dos lavadoiros que aínda se conservan en Coia, vestixios anacrónicos dun pasado rural devorado por altos edificios e rúas asfaltadas. No percorrido, intercalado por actuacións musicais, tamén falaremos doutras historias da vella Coia: do pequeno poboado castrexo de O Castriño, dun pasado medieval que ás penas podemos albiscar, dunha Coia rural e mariñeira, do doloroso parto da Coia actual…

O itinerario do roteiro coas paradas é o seguinte:

Saída – 18h00: IES Alexandre Bóveda > San Martiño de Coia > Castro Castriño > Lavadoiros de Barxiela e Esturáns > Chegada – 20:00: Lavadoiro de Figueirido.

A actividade está enmarcada dentro do Roteiro por Coia, iniciativa do profesorado do IES Alexandre Bóveda, á cal vos convidamos.

Logo de rematar o roteiro, a partires das 20:00, temos festa con música e actuacións no local do Centro Cultural Autoxestionado “DISTRITO 9” (Camiño do Figueirido 89, Vigo).
Organizan: Roteiro por Coia, IES Alexandre Bóveda, Espazo Alicerces, A.VV. O Torreiro de Coia e Distrito 9.

Comentarios

Entradas populares