Comentario analítico sobre BLACK MIRROR 1: O HIMNO NACIONAL

(só deberías ler isto se tes visto o capítulo 1 da primeira temporada de Black Mirror)

Unha das cousas máis salientables de O HIMNO NACIONAL, o primeiro capítulo de BLACK MIRROR, serie presentada como ciencia-ficción, é que non transcurre nun futuro lonxano ou cercano, senón no presente real actual.

É unha aposta moi interesante e arriscada por parte dos autores comenzar a serie así, e unha das razóns podería ser por que é o capítulo que mellor “explica” o título-concepto conductor da serie, BLACK MIRROR-ESPELLO NEGRO. En efecto, o título da serie podemos interpretalo (unha vez vistos todos os capítulos da temporada) en primeira aproximación coma o espello negro que reflicte parte do peor da nosa sociedade, e polo tanto de nós mesmos; e nunha segunda aproximación como as pantallas reflectantes NEGRAS (cando están apagadas) a través das cales vemos, participamos e “somos” na nosa sociedade: televisión, ordenador, móbil...



Por que é o uso, positivo e negativo, individual e social, que facemos destas pantallas negras o tema principal que subiace a toda a trama.

Vexamos (algúns) dos temas tratados neste capítulo:

- os mass media e a censura-autocensura da información:
ante un suceso tan relevante coma o que acontece ao inicio do capítulo, o primeiro paso de calquera gobernante sería censurar a información, contando, se fose necesario, coa colaboración dos medios de comunicación tradicionais (que na maior parte dos casos estarán prestos a colaborar cos gobernantes e autocensurarse). Pero esta medida, lóxica e inevitable para calquera gobernante, non pode aplicarse en Internet (ou non pode aplicarse con unha efectividade do 100%, tal e como temos comprobado na nosa realidade con casos coma os de Wikileaks). No capítulo, unha vez que os medios tradicionais comproban que a poboación acede libremente a unha información, deciden convertir esta información nunha nova. É probable que este sexa un elemento parcial de ciencia-ficción: na nosa realidade moitos dos medios de comunicación poderían escoller por continuar coa autocensura (aquí poden citarse múltiples casos de información que circula pola rede e que os medios tradicionais non son quen de convertir en nova, ben ocultándoa ou ben diminuindo considerablemente a súa importancia : moi famoso foi o tratamento censor do accidente de metro de Valencia por parte da extinta Canal 9). En todo caso este inicio do capítulo pon de relieve como os mass media tradicionais, o cuarto poder nun estado de dereito, acostumados a exercer unidireccionalmente o poder da información (o poder que otorga decidir COMO de importante é un suceso, o cal é como decidir sobre COMO de real é un suceso para a xente que se informa por esa única vía) teñen que ceder unha certa cuota deste poder a algo tan difuso e descentralizado coma as redes sociais. Isto non quere decir que os medios perdan toda a súa influencia social coma creadores de opinión pública, pois as redes sociais difundirán principalmente as novas dos medios de comunicación, pero si terán que ceder parte do seu poder.


No momento actual os medios de comunicación tradicionais de todos os paises (moi en especial os xornais en papel, pero tamén a radio e a TV) están nunha profunda crise debido a múltiples factores (os novos formatos de lectura e canles de información, a publicidade e como facela máis efectiva, perda de confianza por parte do público ao ser conscientes das manipulacións habituais dos medios…e, moi en especial, o tema clave na economía dixital: como facer rendible algo que pode obterse case-que-gratis), pero todos estes factores están asociados dun xeito ou doutro ao uso de Internet nos espellos negros.

materiais de consulta-ampliación sobre este punto:


  • THE NEWSROOM: serie de TV sobre a creación e difusión de novas nun telexornal
  • PAGE ONE: documental sobre a situación do NEW YORK TIMES no ano 2012.
  • WE STEAL SECRETS: documental sobre Wikileaks
  • NETWORK: película dos anos 70 onde un xornalista intenta denunciar a manipulación dos medios de comunicación por parte dos poderes políticos e ecnonómicos.

- as decisións dos gobernantes e a opinión pública: quen goberna aos gobernantes?
Quis custodiet ipsos custodes?, ou mellor expresado, por unha vez, en inglés: Who watches the watchmen?, quen vixia aos vixiantes?. Esta afirmación clásica ilustra un dos grandes problemas da política: como, con que medios, controla unha sociedade aos seus gobernantes (e en xeral a calquera con poder) para que non se comporten inxusta ou tiránicamente.

Nas sociedades democráticas as elecións democráticas periódicas actúan, teóricamente, coma elemento de control dos gobernantes por parte dos gobernados. Se un gobernante é inepto, corrupto, tirano...non o poderá ser moito tempo, pois nun prazo breve as elecións poden deixalo sen poder. Efectivamente, dado que os gobernantes vense sometidos á necesidade de revalidar periódicamente o seu poder non teñen máis remedio, en teoría, que gobernar pensando nos seus gobernantes e a como valoran estes (non todos, pero si unha certa maioría) as súas decisións. Polo tanto, as decisións dos gobernantes estarán sometidas, en maior ou menor medida, á OPINIÓN PÚBLICA, isto é, a como percibe a sociedade unha actuación, real ou futura, dun gobernante. Ou, cando menos, a como dicen as enquisas que a maioría da sociedade valora ou valorará dita actuación.
No episodio de BLACK MIRROR vemos que as decisións do primeiro ministro (ou do seu grupo de asesores, que non dubidan en amenazar ao seu superior cando o notan dubitativo) están condicionadas en maior medida pola opinión pública (e na esperanza de manterse máis tempo no cargo) que por outras consideracións éticas ou ideolóxicas.



materiais de consulta-ampliación sobre este punto:
  • EL ALA OESTE DE LA CASA BLANCA: serie de TV.
  • NO: película chilena sobre o referendum para decidir a continuación da dictadura de Pinochet, ou como influe unha boa publicidade na opinión pública.
  • ELECTION: película sobre as eleccións nun típico instituto ianqui.
  • V DE VENDETTA: cómic e película sobre os perigos dos gobernos tiranos, ou como a democracia ademáis de votos debe ser liberdade de información.
  • QUAI D’ORSAY (CRÓNICAS DIPLOMÁTICAS): cómic fracés sobre as interioridades do exercicio do poder político.

- individuo-espectador como nodo da rede social: ver tamén é crear.



Imaxes coma esta resumen tanto o proposito do guionista, coma o do “terrorista” do capítulo: na sociedade actual a inmensa maioría da sociedade sentiríase obrigada “voluntariamente” a ver un espectáculo atroz sempre que soubese que estaría a velo a totalidade da súa rede social; é decir, a maioría da poboación nesta ficción non só está vendo (ou disfrutando con) a relación sexual forzada entre un primeiro ministro e un porco, senón que está vendo aquelo QUE TEN VER porque o ve maioría. Se se lle otorgara a posibilidade de ver iso a cada persoa de xeito individual é obvio razoar que a inmensa maioría rexeitaría tal posibilidade por consideralo noxento e alleo aos seus “intereses”. Ou sexa, que neste caso extremo, pero que serve como ilustración dun comportamento cotidián, os espectadores non son espectadores individuais, senón que serían coma partes dun espectador colectivo: na nosas decisións de consumo de productos multimedia ten unha grande influencia o que sabemos ou cremos saber que van facer as nosas redes sociais.

Este comportamento gregario non é en absoluto novo: forma parte do comportamento básico de calquera sociedade. O característico da nosa sociedade dixital e postmoderna sería que aínda que vivimos nunha sociedade liberal na que cada individuo decide autónomamente sobre o seu consumo e pensamento, escollemos maioritariamente comportarnos de xeito tan predecible coma en calquera dictadura ou teocracia, consumindo o que consume a maioría.

A maiores, na nosa sociedade interconectada as decisións dun espectador non son pasivas, senón que grazas as redes sociais poden ser tamén activas, convertindo aos espectadores en “creadores” ou difusores de novas. Na sociedade previa a internet unha nova era algo que os medios de comunicación decidían publicar como tal, sendo o papel dos individuos o de consumidores destas novas (e valorando a importancia destas novas en función do consumo que fixeran das mesmas). Na sociedade dixital, unha nova se valora a partir da súa difusión polas redes sociais, convertindo ao espectador pasivo en difusor activo. Para as televisións, por exemplo, empeza a ser tan importante analizar os comentarios en twitter (comportamento activo do espectador) coma os índices de audiencia (comportamento pasivo) para valorar a recepción dun programa.


materiais de consulta-ampliación sobre este punto:
  • EL SHOW DE TRUMAN: película sobre un individuo que vive ao longo de toda a súa vida inconscientemente dentro dun reality show con el de protagonista.

Comentarios

Entradas populares